Thursday 02 de May de 2024

Gran éxito de participación no V Festival Monecadas de Brión


A quinta edición do Festival Monecadas foi a máis concorrida da súa curta historia, con centos de familias desfrutando na carballeira de Santa Minia das distintas actuacións programadas por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión. Este ano, ademais, o tempo acompañou durante os tres días do festival, o que incrementou a participación.

O técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez, explica que “a actuación de Viravolta Títeres o pasado venres foi a máis concorrida do que levamos de festival nestes cinco anos. Moitos pais e nais tiveron que quedar en pe pois non había un oco libre”. Unha situación que case se repetiu onte domingo, onde a actuación de Fantoches Baj tamén encheu a carballeira ata os topes.

Nesta quinta edición do Festival Monecadas participaron tres compañías: Títeres Cachirulo, Viravolta Títeres e Fantoches Baj, que ofreceron tres actuacións e un obradoiro de creación de monicreques. En todos os casos, a entrada foi libre e de balde.